martes, 19 de xullo de 2016

PÓDESE


Un eslogan tan utilizado nos nosos tempos que xa parece un mantra de manual de autoaxuda, un trending topic carente de contido, un claim das redes sociais sen significado, pero non. O certo é que cando se quere pódese, pódese facer casi calquera cousa que un imaxine dentro da coherencia pero sempre coa necesaria dose de ensoñación: a realidade é demasiado estreita para fabricar cousas extraordinarias. No ano 1998 cando o single Gimme the power reventaba as listas de ventas en España, Estados Unidos e toda Latinoamérica, non había mozo ou moza en Muros que non tivese un CD na casa ou un cassette pirata no walkman con este himno da banda mexicana Molotov. Os temas do Donde jugarán las niñas non tardaron en saltar dos reproductores da xente aos das discotecas e pubs da vila.. sí, había discotecas en Muros. Quen naquela época podía pensar en ver aos Molotov en Muros? Iso era un imposible, carecía de lóxica e fundamento pensar que unha banda internacional que conseguía discos de platino e era número un das listas fose a recalar nun concerto nunha vila pesqueira de 10.000 habitantes no finisterre peninsular. Hai quen poida pensar que 20 anos despois non é o mesmo, claro que non, non é o mesmo. Fai 20 anos Molotov podía ser unha desas bandas milagre que sacan un tema pegadizo e desaparecen despóis de gañar unha morea de cartos, pero os aztecas ronse convertendo pouco a pouco nun referente do rock latino ao longo dunha traxectoria de consolidación incuestionable, e agora enchen estadios dende Buenos Aires a Moscú. Como Molotov podemos falar de Mojinos Escozíos, que tras 20 anos de traxectoria seguen a encher os escenarios de todo o Estado co seu estilo irreverente, algo que en Galicia lles serviu para ser coñecidos como os "Heredeiros andaluces" pola súa mezcla de bo rock e actitude gamberra. Tamén era impensable fai uns anos que un artista da categoría de Muchachito puidera poñer a Muros a bailar ao son do seu rock rumbero e canalla presentando novo traballo. Hai quen pode non estar de acordo con abrir o abano de estilos no Castelo Rock, pero a realidade é que o noso festival estase a converter nun escaparate para Muros e a súa bisbarra e nunha oportunidade inigualable de disfrutar de música de nivel aquí, na porta da casa, sen ter que ir nin á Coruña, nin a Vigo, nin a Santiago, nin a Madrid, nin a Barcelona. A ACRD Praia do Castelo segue a cumprir o soño das muradás e dos muradáns amantes da boa música de poder ver en directo na súa vila a artistas de rango nacional e internacional no Castelo Rock. E diso se trataba cando comezou toda esta movida alá por 2003, de derrubar as barreiras, non só xeográficas senón tamén psicolóxicas, que impedían que Muros fose a sede dun festival de categoría. Muros sabe que cando quere pode, e iso queda demostrado na cada vez maior oferta lúdica asentada no concello, casi toda baseada en iniciativas populares: Muros Mira ao Mar, Castelo Rock, Abelleira Mariñeira ou as Carrilanas de Esteiro.  Por non falar das asociacións que fan posible o desenrolo cultural e deportivo na vila: o Clube de Remo Muros, a Sala Nasmo, Os Miúdos, Os Volantes de Baño, a ACRD Esteirana, a UD Montelouro,  a grupación folclórica Ximiela de Louro, Galania de Serres, e tantísimos outras asociacións e colectivos dos que poderiamos estar días e días falando pola súa grandísima labor. O lugar onde vivimos construiuse co traballo da xente unida e convencida, non foron os políticos, nin as institucións as que levantaron este pobo, foi a xente e o seu traballo. A vila mariñeira que viviu toda a vida do mar está feita de mulleres e homes acostumados a vogar no mesmo sentido para sobrevivir, como nunha trainera. No Castelo sucede o mesmo: Non somos 6 tolos metidos nun local facendo o festival, é Muros enteiro: os 50 e pico voluntarios que renuncian á festa e aos cacharros para traballar arreo e de balde durante dúas noites seguidas; os que axudan de forma desinteresada prestando material, con aportacións económicas ou facilitando as súas propiedades; os voluntarios e persoal de Protección Civil e emerxencias; os traballadores do porto que aguantan dous días de molestias na súa actividade; os que madrugan ao día seguinte e aturan a música ata altas horas da noite; os que difunden e comparten as nosas publicacións; os que se apuntan as pegadas nocturnas; os veciños e veciñas que mercan a camisola e a sudadeira do festival e a pasean con orgullo.. mesmo a xente do pobo que sen lle gustar esta música mercan a entrada e veñen aos concertos en familia.. Todos eles fan o Castelo Rock e todos son parte de él. Comezabamos esta entrada titulando: "Pódese", e claro que se pode. Entre todos podemos facer deste pequeno concello un lugar enorme. É cuestión de crer, é cuestión de querer.

martes, 1 de marzo de 2016

O CASTELO CANDIDATO AOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX

/// Unha asociación, un pobo, un festival ///

  • + de 50 voluntarios
  • + SEN ánimo de lucro (organización íntegramente realizada por voluntarios, ninguén recibe ningún tipo de retribución económica)
  • + 8.000 visitantes
  • + 5.000m2 (recinto do festival, actividades en zonas urbanas do pobo, activades infantís, actividades culturais todo o ano) Un pobo enteiro involucrado.
  • + Involucración de empresarios e organizacións do pobo
  • + Grupos galegos, grupos nacionais e internacionais. E sempre, grupos de xóvenes locais! (apoio á nosa cultura).

Todo pobo e toda vila ten a súa propia idiosincrasia. Muros é unha vila mariñeira e pequena, pero orgullosa do seu, que dende fai unhas cantas décadas languidece víctima do illamento e da falta de oportunidades. No censo de 1991 o concello contaba con 11.255 veciños, segundo datos do IGE, hoxe sufre para rebasar os 8.000. Entre os destinos deses máis de 3.000 veciños que abandoaron esta terra en busca dun fututro mellor están Londres, Nova York, Xenebra, A Coruña ou Barcelona. E é que non resulta doado reflotar unha poboación que dependeu toda a vida do mar. As bakas, así chaman aquí aos arrastreiros, van desaparecendo dos peiraos, e nos bares xa hai máis xubilados que mariñeiros. Máis o pobo resístese á idea de que o seu futuro teña que pasar por urbanizar esta fermosa costa con hoteis e apartamentos adosados xa que Muros goza de ter un dos poucos núcleos arquitectónicos declarados conxunto histórico-artístico en Galicia. Ese toque gótico mariñeiro medieval é o que fai a Muros diferente.

Non se sabe por qué neste recuncho do país xurdiu unha cultura musical contestataria ligada á música rock alá polos anos 90. En cuestión de anos o pobo encheuse de bandas formadas por rapazas e rapaces que ensaiaban nos faiados das casas ou nos sotos do porto despois de traballar e os fins de semana. Eran tempos difíciles onde non se podía mercar instrumentos por Internet para que chos levasen a casa a precio “made in China”. Había que deixar o xornal en adquirir as guitarras e as baterías e ir a buscalas a Santiago ou A Coruña. Un periplo que aínda así moitos decidiron emprender malia as dificultades mencionadas. Era a forma particular de protestar contra o esmorecemento do lugar no que vivían e que, dalgunha forma, sabían que algún día terían que deixar.

Fai agora 13 anos un grupo de mozos e mozas do concello decidiron organizar un pequeno festival de música rock no que participaran as numerosas bandas locais que proliferaban: Os Macarróns, Sarabanda, A Media Ghasta, Trapos Sucios, Razzia... A experiencia, aínda que precaria, foi satisfactoria: uns pequenos cortes de luz, algúns cables empatados con cinta americana e un son que distaba moito de ser o dos grandes concertos e festivais da península, pero por algo hai que empezar sempre. Aquel festival foi chamado Castelo Rock debido a que o escenario prestado polo concello atopábase na mesma area da Praia do Castelo, en pleno casco urbán de Muros.

O éxito do festival fixo plantexar a este grupo de mozas e mozos a posibilidade de continuar promovendo este tipo de eventos na vila de forma estable. A través da Asociación Cultural Recreativa e Deportiva Praia do Castelo formalizouse unha directiva e convocouse unha bolsa de voluntariado para organizar o festival de cara ao ano seguinte, sempre sen máis ánimo que o de dotar ao concello de Muros dun estímulo cultural alternativo e complementario ás festas de verán e as orquestras itinerantes. Ademáis, a organización do festival pretende dotar á mocidade muradá dunha ferramenta de implicación nas cuestións do común no concello. Dende 2003, as directivas fóronse sucedendo cunha constante renovación, porque do que se trata é de facer corresponsables do proxecto ás mozas e mozas do municipio, facerlles entender que existen formas participativas de colaborar no progreso do seu pobo.

Desde ese punto de partida as cousas mudaron considerablemente, pero non o espírito do festival. O Castelo é agora un evento de pago, algo que sucede dende 2013, aínda que nin un só céntimo do que se recada vai parar aos petos da organización. Dende a ACRD Praia do Castelo séguese a manter o mesmo concepto inicial: un festival sen ánimo de lucro feito polos mozos e mozas voluntarios do concello. Un traballo colectivo e ilusionante que busque promover á cultura musical e promocionar ás bandas locais, ao tempo que se brinda á oportunidade de que as mellores formacións de rock, ska, punk, heavy..etc. do momento veñan a Muros e sitúen a vila no mapa. A filosofía que guía a este espectáculo musical é a de conxugar o mellor rock coa promoción da música en lingua galega e servir de trampolín para as rapazas e rapaces que fan música no noso pobo.

Castelo Rock conta xa nas súas vitrinas con 12 edicións e organiza nestes momentos á treceava, no que será un intento de seguir crecendo e mellorando e de demostrar que con ilusión e imaxinación se pode facer algo grande que de visibilidade ás zonas máis esquecidas de Galicia. Algúns dos grupos máis míticos do panorama estatal xa visitaron o porto de Muros: Barricada, Rosendo, Los Suaves, Siniestro Total, Reincidentes, Boikot ou Soziedad Alkohólika, entre moitos outros. E por suposto, o máis destacado do panorama musical galego: Lamatumbá, Heredeiros da Crus, Nao, Skándalo GZ, Biribirlocke, Zënzar, O Caimán do río Tea... Moitos foron tamén os rapaces que puideron compartir camerino coas estrelas ás que fai anos só podían ver collendo o coche e facendo quilómetros.

“Cando se pode ver aos Heredeiros da Crus no mesmo escenario que Archivo Adxunto, uns chavaliños que cursan o bacharelato no IES Fontexería, aquelas e aqueles que traballamos arreo para que isto funcione temos a nosa recompensa gañada. Algo, en definitiva, estamos a facer ben. E iso, como di o refrán, non hai cartos que o pague”.

luns, 11 de xaneiro de 2016

LONGA VIDA AO ROCK ´N´ ROLL


Dicía Aristóteles que a virtude é a capacidade de repetir de forma mecánica aquelas accións que levan a o individuo a conseguir os seus fins, e como fin último a conseguir a felicidade. Dicía tamén que repetir as accións que levaban a alonxarse deses fins conducentes á felicidade significaba ter unha conducta viciosa e polo tanto nada virtuosa. Nin Aristóteles nin ningún dos seus contemporáneos pensadores coñecían por desgracia (ou por sorte) o rock 'n' roll, e polo tanto non tiveron a sorte de poder ver o vicio e a virtude unidas baixo figuras monstruosas que xa forman parte, coma eles, do patrimonio inmaterial da Historia da Humanidade. Doutro modo, quizáis o prolífico tracio tivese replantexado a súa filosofía pois, aínda que tanto Lemmy como Bowie adicaron a súa vida ao cultivo do vicio e a mala vida, procuraron o tan ansiado fin da felicidade en varias xeracións de amantes do rock 'n' roll e da musica en xeral.


Corría o mes de decembro de 1945 e mentres na cidade alemana de Nüremberg se celebraban os xuízos contra os líderes nazis nacía Lemmy Kilmister en Stoke-on-Trent, Sttafordshire (Inglaterra), a só un puñado de kilómetros da cuna do heavy metal: Birmingham, onde anos máis tarde verían luz bandas coma Black Sabbath ou Judas Priest. Tan só 13 meses máis tarde viría ao mundo David Robert Jones (David Bowie) na capital británica, o mesmo mes en que a Unión Soviética abalanzábase sobre o leste de Europa ante a incapacidade de reacción dos países occidentais e incorporando as repúblicas bálticas ao bloque oriental. Tanto Kilmister coma Bowie chegarían a esta vida cunha nova orde mundial que condicionaría á sociedade na que lles ía tocar crecer. Pronto Europa sería presa do conservadurismo moral e o neoliberalismo económico que o medo ao comunismo trouxera dende a outra banda do Atlántico en forma de Plan Marshall. Dólares para unha Inglaterra reaccionaria que pronto vería coma a recuperación da postguerra deixaba paso a un país podrido de inflación, desemprego e presa do conflicto social permanente. 


Este foi o caldo de cultivo perfecto para unha xuventude aburrida das normas e o conformismo, e tamén para o nacemento de diversas oleadas de bandas de rock subersivas que superpoñían tendencias sucesivamente, primeiro na década dos 60 na que se destaparía Bowie coas formacións The Kon-rads e The Riot Squad, e despóis cos difíciles anos 70. En 1975 un xove Lemmy Kilmister era recluído nunha cárcere canadiense por posesión ilícita de drogas. "Vin consumir as drogas equivocadas" testificaría o inglés. Acababa de ser expulsado da formación británica Hawkwind e formara a súa propia, nun principio chamada Bastard, máis adiante rebautizada co nome de Motörhead, un nome que hoxe xa forma parte da historia da música.


Nunca foron, nin Lemmy nin Bowie, figuras que puidesen presumir de vidas exemplares, tampouco foi nunca esa a súa intención: "O que ten resaca é porque deixa de beber", diría Kilmister nunha entrevista. Non en tanto as súas personalidades arrolladoras e o seu espíritu libre fixeron deles individuos cun carisma especial, iconos dunha xeración cun talento sobrenatural para a música. Máis no caso de David Bowie quen, ao contrario que o líder de Motörhead, tocou todos os estilos que puido e experimentou coa música coma un científico experimenta con produtos químicos. Dende os seus idilios co funk "Diamods Dogs", pasando polo glam coa banda Tin Machine "Amazing", ata a música electrónica no seu traballo "Black Tie White Noise". Temas coma "All The Young Dudes e "Heroes" son xa "Guernicas" da música contemporánea que como a 9ª Sinfonía de Beethoven terán de seguro un oco nas aulas nun futuro próximo.


Dúas formas de xenialidade, dúas caras dunha mesma moeda: a xeración que espertou das ruínas da guerra e creceu nun mundo destruído baixo a ameaza permanente do cataclismo nuclear. Quizáis por iso decidiron vivir a vida intensamente e non deixar nada para o máis alá, non fora que non existise tal. Bowie, a volvoreta musical transformista, inconformista consigo mesmo, non parou ata probar todo o que a música e a súa existencia lle podían proporcionar.. Lemmy, unha locomotora desbocada co seu machacón ritmo de baixo e batería simulando un expreso a punto de sairse da vía en cada concerto.. "Overkill", "The Ace Spades"..

A virtude feita vicio. A felicidade dun mundo que vai quedando orfo de héroes. LONGA VIDA AO ROCK 'N' ROLL. D.E.P.    

luns, 28 de setembro de 2015

Seguimos a crecer

Despois duns merecidos días de vacacións e reflexión toca facer balance do Castelo Rock 2015. Moitas eran as expectativas que dende a ACRD Praia do Castelo tiñamos postas nesta edición do noso festival. Tocaba por á proba a consolidación da marca e do evento na axenda musical e cremos que se cumpriron sobradamente ditas aspiracións. O Castelo é xa un festival referente no panorama galego e con forte repercusión no resto do Estado. Proba delo son o crecente número de visitantes que recibimos, non só de toda Galicia, senón de alén do Cebreiro: Sevilla, Logroño, Iruña, Asturias, Vallecas, Cáceres, Donosti..,  e máis.

Nestas 11 edicións o Castelo Rock viviu momentos apoteósicos, coma o 2008, cando se solapou co concerto de Rosendo abarrotando o recinto portuario de Muros. E outros non tan bos, como a ausencia do 2011, para terminar por comezar a cobrar entrada no festival aló polo 2013. Pero lonxe do que no seu momento parecía unha debilidade, aquelo converteuse nunha fortaleza. O Castelo foi transicionando cara un festival onde o público se foi especializando paseniñamente ata acadar os niveis de afluencia dauquela última edición de balde no 2008, cando se acadaran por primeira vez os 4.000 asistentes. O CR2015 acadou novamente ese teito coa diferenza cualitativa de que agora o evento era de pago como a meirande parte dos festivais da axenda musical.

Hoxe pódese decir con orgullo que o Castelo é o evento máis significativo, xa non da tempada estival, senón de todo o ano para Muros e o seu concello. As preto de 8.000 persoas que ateigaron a vila durante a fin de semana do 7 e 8 de agosto de 2015 dan boa conta delo. Pero o certo e que a marca Castelo Rock non existiría sen Muros, e viceversa. Só unha vila cunha consolidada tradición rockeira dende fai xa case 30 anos e máis dunha veintena de bandas en activo na actualidade podía ter incubado un espectáculo deste tipo. Podemos dicir que o de Muros co rock 'n' roll é un idilio que ven de lonxe e o Castelo a cristalización dun latexar e dunha vontade colectiva: A Media Ghasta, Trapos Sucios, Sarabanda, Razzia, Kolisión Frontal, Os Macarróns, Alterkado, Zeros, Archivo Adxunto, Barrighada, Sozios A La Fuerza, Os Fieles, Alimaña, Os Miudos, Estampida.., e tantos máis puxeron voz a un pobo que hoxe tamén vibra con Barricada, Soziedad Alkohólika, Boikot, Siniestro Total, Los Suaves, Barón Rojo, Reincidentes, Heredeiros ou Gatillazo.

Dende a ACRD Praia do Castelo queremos dar as gracias a todos aqueles que coa súa participación desinteresada, ou ben simplemente coa súa paciencia, fixeron posibles 11 anos do mellor rock estatal na nosa vila. Tamén a aqueles pioneiros que con poucos recursos e moitísima ilusión botaron a andar isto fai xa moito tempo.., sin eles nada disto podería ter sido posible. O Castelo Rock é unha iniciativa sen ánimo de lucro que ten como único obxectivo axitar e vitalizar culturalmente o noso pobo e animar ás novas xeracións a traballar con ilusión neste proxecto colectivo. Todos os que traballamos neste festival somos voluntarios e non temos máis recompensa que a de ver os focos do escenario iluminando as milleiras de testas do público do Castelo Rock, e iso non se paga con diñeiro.